Xuño 2025

Novas Breves

Bando da Alcadía

Un bando do concello anuncia que o cobro da tarifa da auga e do lixo farase quadrismestral e non semestral como se viña facendo. Nos vindeiros días pasarase o recibo correspondente a xaneiro, febreiro, marzo e abril de 2025.

A ordenanza fiscal reguladora foi modificada pola Deputación de Lugo e publicada no Boletín Oficial da Provincia con data 09 de maio de 2025.

--------------------------------------

Xantar de Confraternidade

Este pasado sábado 14 de xuño foron numerosos os veciños que se xuntaron para desfrutar dun xantar e rematar o remanente de comida que sobrara das festas da Santa Bárbara.

Podes ollar no lateral algunha imaxe pública da misa de procesión da festa da Santa Bárbara 2025.

----------------------------------------

Obras particulares

Nas últimas semanas dous veciños acondicionaron pozos tradicionais da súa propiedade.

Os dous pozos, un da moradella e outro da Cova foron restaurados polos seus respectivos donos.O da Moradella limpouse a man e tapouse cunha placa de cemento. O da Cova tamén se acondicionou cuns tubos e arcos grandes de formigón.

Este tipo de actuacións son de grande valor, pois contribúen á preservación do patrimonio rural e garanten a súa funcionalidade durante moitas décadas, en beneficio das futuras xeracións.

Conservación de estradas

No mes de abril de 2011 aplicouse formigón en quente na estrada principal da nosa parroquia.

Como se aprecia na fotografía lateral, catorce anos despois a vía amosa numerosos baches que reflicten o abandono do mantemento continuo que debería realizarse.

Durante este tempo, a auga atravesa de beira a beira o firme e, a pesar de que o ano pasado acondicionáronse algúns tramos de cunetas, en moitos outros continúa desbordada.

A carencia de mantemento, como un recheo de alquitrán nas fendas que se foron abrindo agravaron o deterioro da vía, ou coma o desbroce tardío das cunetas pon en risco ano tras ano a seguridade viaria: moitos condutores circulan achegados ao centro da calzada, poñendo en perigo aos que van en sentido contrario, mentres que outros arrímanse en exceso e, ao non advertir a profundidade da cuneta, sofren saídas de vía, como tamén podes ver na foto lateral.

É ben sabido que as administracións atenden con maior consideración as peticións que reflicten o sentir colectivo dunha comunidade. Por iso, queremos lembrarvos que unha instancia asinada pola Asociación Veciñal de Piño –representando a todos e todas os nosos veciños e veciñas– terá moito máis peso ante a Deputación Provincial que unha solicitude illada feita por unha única persoa.

Cando a Deputación recibe un documento asinado en nome da Asociación, percibe que existe un respaldo comunitario e unha vontade de consenso que avala as propostas presentadas. Así, a nosa voz fíxase con maior atención, incrementando as posibilidades de que as peticións de mantemento, melloras de infraestrutura ou calquera outra demanda teñan unha resposta áxil e eficaz.

Animámosvos a que poñades en coñecemento a vosa inquietude achegando novas ideas e necesidades á Asociación Veciñal. Canto máis xuntos esteamos, máis forte será a nosa reclamación e máis rápido poderemos conseguir que a Deputación actúe en prol do benestar de todos.

As Grandes Casas das Aldeas

  • Desaparecidas

    Nesta categoría van as casas pobres de solemnidade, que vivían da caridade dos demais e casas que desapareceron ben por fusionarse con outras, ou onde se ergueu outra no seu lugar e outras onde quedan vestixios da súa anterior existencia.

  • Contemporáneas

    As  casas sitas nos distintos lugares de PIÑO, as cales se irán engadindo consecutivamente ata ter o rexistro completo sen que haxa ningunha data límite para dar por rematada a sección.

  • Fidalguería

    Fidalgo : Persoa pertencente a unha clase social que vivía das rendas das propiedades agrarias, dominante, xunto co clero, no agro dos países de Europa Occidental entre a Idade Media e a xeneralización do capitalismo e que en Galicia se apoiou na institución do foro.

    Os pazos dos fidalgos.   Fonte: Real Academia Galega