Despedidas
O 31 de maio despediuse desta vida D. Manuel Díaz Morales, coñecido entre nós como Manolo, da casa Benjamín.
Un presaxio de tristura sobrevoaba a parroquia dende que, dez días antes da festa, catro dos seus veciños se atopaban ingresados no Hospital Comarcal de Monforte. A incerteza do destino anunciaba un doloroso desenlace, e, desta vez, tocoulle a Manolo partir, deixando tras de si o eco dunha vida cumprida e o recordo perenne nos corazóns dos que o coñecemos.
A súa muller Aida, a súa filla Rosa e o seu xenro Luis, as súas netas e toda a súa familia en xeral expresarlles o meu máis profundo pesar por tan triste desenlace. Que o consolo e a forza os acompañen nestes días de dor.
Descansa en Paz, Manolo, que a memoria dos teus días se conserve sempre no tempo.
Despedidas
O 20 de maio comunicáronnos o pasamento dunha querida veciña, Olguita de Gobernante. D.E.P.
Olga emigrou fai moitos anos a Barcelona e cando puido construíu a súa propia casa en Piño, no Pacio. Ao lado dela vive Lola, a súa irmá maior.
Sempre me quedará unha fermosa lembranza dela e do seu sorriso.
A Toñin o seu fillo a seu neto e a súa irmá Lola, acompáñoos de corazón nesta fonda tristura e que a lembranza do seu paso pola vida lles traia consolo e esperanza.
As Festas da Santa Bárbara
As Festas da Santa Bárbara celébranse este ano o último fin de semana de maio.
Encargáronse de xestionar o festexo as responsables da Asociación Veciñal Santa Bárbara de Piño. Podes ver a programación no cartaz.
O fin de semana que vén os nosos veciños de Freituxe celebran tamén a súa festa. Podes ver a programación tamén no cartaz adxunto.
Novas
Xusto o día antes do bautizo, o niño das cegoñas da Avda. de Bóveda veuse abaixo, coas crías incluídas. Grazas a unha chamada rápida dun veciño, os servizos de protección, conseguiron chegar a tempo para levar as pequenas cegoñas á recuperación, e polo visto en canto se recuperen é probable que as devolvan ao lugar.
As proxenitoras estiveron moi inquedas, puxéronse a intentar refacer o niño e buscaron outros postes para comezalo de cero pero ao final abandonaron e de momento non se ven.
O ano pasado dérase aviso ao Concello de que o niño adquirira moito volume e de que estaba a piques de caer.
Así o dous de maio, caeo pola noite dentro da finca dunha veciña e non houbo que lamentar máis danos.
Bautizo multitudinario
O sábado, 3 de maio, na igrexa de Santa María de Piño, ás 13:00 horas, celebrouse o bautismo de catro nen@s. O acto foi aberto a toda a parroquia.
Mael, Aine, Aldara e Claudia recibiron o sacramento do bautismo na fe cristiá. Estes cativiños, residen en Madrid, pero manteñen fondas raíces na nosa terra, xa que son descendentes da casa de Peruchela.
A última nena bautizada na parroquia foi Sofía, filla de Raquel e Iván de Centeais, o 14 de outubro de 2023. Antes dela, pasaran xa moitos anos sen que se celebrase un bautizo na nosa igrexa, tanto que non conservamos memoria clara de quen puido ser o anterior. Podedes ver aquela entrada nesta ligazón: Outubro 2023 – Bautizo de Sofía.
Este novo bautismo tivo lugar nun momento particularmente simbólico: a escasos días do funeral do Papa Francisco, e cando a Igrexa Católica aínda non contaba cun novo pontífice elixido. Así, nun tempo de transición para a Igrexa universal, a nosa pequena comunidade foi escenario dunha cerimonia chea de esperanza, vida e continuidade na fe.
Todas as persoas da parroquia foron convidadas a participar neste acto tan significativo para a familia Peruchela e para a nosa comunidade.
🕊️ Pía Bautismal de Santa María de Piño
Tipoloxía: Pía bautismal monolítica de granito
Localización: Á entrada da igrexa, á man dereita
Época estimada: Séculos XII–XIV (alta ou plena Idade Media)
Estado de conservación: Bo, con desgaste nos bordos por uso prolongado
📜 Descrición:
A pía bautismal da igrexa de Santa María de Piño é unha peza monolítica labrada en granito, de forma semiesférica e perfil robusto, propia da tradición románica rural galega. A súa sinxeleza formal, grosor das paredes e ausencia de decoración ornamental sitúana probablemente entre os séculos XII e XIV.
Esta pía foi empregada ao longo de séculos para administrar o sacramento do Bautismo, un dos momentos fundamentais da vida cristiá. O seu deseño responde ao modelo de pías para aspersión ou inmersión parcial, adaptadas á liturxia medieval e posteriores.
Actualmente está situada á entrada do templo, á man dereita, ocupando o lugar simbólico que tradicionalmente se reservaba para este elemento: xunto á porta, representando o acceso á vida cristiá.
A súa conservación e visibilización contribúen a manter viva a memoria litúrxica e cultural da parroquia, sendo testemuña material da fe e identidade da comunidade ao longo dos séculos.
Máis Novas
Rematou o mes de abril cunha mellora importante no cemiterio parroquial: durante os dous últimos días acometeuse a pintura da fachada exterior.
Esta obra foi posible grazas ás achegas voluntarias das persoas que colaboran co fondo para o mantemento e arranxo do cemiterio.
Conservar e mellorar os lugares que forman parte da nosa memoria e identidade parroquial fai que sexamos unha comunidade máis unida, agradecida co pasado e comprometida co futuro.